Volver ao contido

ORGANIZACIÓN

As funcións relativas á xestión, planificación, supervisión, asesoramento e coordinación dos distintos procesos informáticos de natureza tributaria, contable, orzamentaria e, en xeral, económico-financeira fóronlle atribuídas ó Centro de Proceso de Datos, dependente da Consellería de Economía e Facenda, de acordo co disposto no Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro.

Nos últimos anos o Centro de Proceso de Datos experimentou un notable incremento das prestacións directas de servicios informáticos especializados ós distintos órganos da Consellería de Economía e Facenda e daquelas entidades oficiais colaboradoras con ela no desempeño das súas funcións, sendo precisa unha axeitada reestructuración dos seus recursos técnicos tanto na área de persoal como en equipamento e medios.

Así mesmo, dadas as características e o grao de especialización técnica destes recursos, así como o seu acondicionamento derivado dunha rápida e constante evolución tecnolóxica, das presións de mercado, das funcións que actualmente desempeña e da diversidade e urxencia das prestacións que lle poidan ser requiridas, fíxose necesaria unha redefinición da natureza do Centro de Proceso de Datos para dotalo da máxima axilidade e operatividade.

Por iso, ó estructurar xuridicamente a xestión dos recursos mencionados, e baixo a premisa da necesidade de acudir a un proceso de descentralización funcional que configurara unha personalidade xurídica independente, a Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, optou pola modalidade dun ente de dereito público no que a submisión ó dereito privado permita a súa rápida adaptación ás múltiples e modernas tecnoloxías que require hoxe en día calquera sistema informático complexo, indispensable para dar soporte axeitado ás necesidades de xestión e estudio en materias tributarias, contables, de recadación e aqueloutras de natureza similar que lle sexan encomendadas, todo iso en prol da consecución dunha maior productividade dos medios dos que se dispoña.

O presente decreto vén dar cumprimento ó disposto no número 6 da disposición adicional quinta da dita lei, que prevé a aprobación polo Consello da Xunta do estatuto do CIXTEC e, por conseguinte, prevé os extremos atinentes á súa composición e organización e ó seu réxime económico, patrimonial e de persoal, desenvolvendo as liñas directrices sentadas na antedita disposición.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

TÍTULO I - Natureza, fins e funcións

Artigo 1

  1. O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) é un ente de dereito público con personalidade xurídica propia dos previstos no artigo 12.1º.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
  2. CIXTEC axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico privado, salvo cando exerza potestades administrativas, suposto no que lle será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas administrativas de xeral aplicación.

A súa actividade económico-financeira rexerase, no que proceda, pola citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Nas súas actividades de contratación seralle de aplicación a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, ó abeiro do disposto no seu artigo 1.3.

A súa organización e funcións axustaranse ó previsto na disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril, neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 2

CIXTEC adscríbese, de acordo co previsto na citada Lei 2/1998, á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 3

  1. CIXTEC actuará no nome propio e por conta e baixo a dependencia da Xunta de Galicia no exercicio das funcións que lle confire o presente decreto.
  2. CIXTEC desempeñará as súas funcións no ámbito da Consellería de Economía e Facenda, incluíndo nel as entidades públicas que colaboran con esta, sen prexuízo da posibilidade de prestación de servicios a outros entes dependentes dela.
  3. Son funcións do CIXTEC:
    1. A realización das actividades derivadas da específica natureza da súa xestión, coidando da explotación e do mantemento das aplicacións mecanizadas e da execución dos procesos informáticos.
    2. Actuar como órgano de apoio informático ós servicios da Consellería de Economía e Facenda. Para estes efectos correspóndelle ó CIXTEC:
      • A xestión dos procesos de natureza informática tributaria, contable, orzamentaria, económico-financeira e, en xeral, todas aquelas outras que lle sexan encomendadas especificamente.
      • A análise, deseño, desenvolvemento e execución dos sistemas e aplicacións informáticas.
      • A asistencia, asesoramento e subministración de equipos e procesos informáticos.
      • A emisión de informes técnicos en materia informática e aqueloutros que se lle atribúan, relacionados coas actividades que lle son propias.

TÍTULO II - Organización

Artigo 4

Os órganos de goberno do CIXTEC son o Consello de Dirección, o presidente e mailo director.

Artigo 5(1)

  1. O Consello de Dirección é un órgano colexiado de goberno formado polos seguintes membros:
    1. O conselleiro de Economía e Facenda.
    2. O secretario xeral e do Patrimonio.
    3. A directora xeral de Tributos.
    4. O director xeral de Orzamentos.
    5. O director do Instituto Galego de Estatística.
    6. O Interventor xeral da Comunidade Autónoma
    7. O director do Cixtec

    O presidente do Consello de Dirección será o conselleiro de Economía e Facenda ou a persoa en quen delegue.

    O Consello de Dirección nomeará un secretario, que actuará con voz pero sen voto. O dito nomeamento poderá recaer en persoa adscrita á estructura administrativa do centro.

(1) Corrección de Erros DOG nº 8 do 14/01/1999

Artigo 6

  1. O presidente do CIXTEC é, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.
  2. O presidente desempeñará a representación do CIXTEC en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome as accións e recursos que procedan.

    Correspóndelle, ademais, ó presidente:

    1. Ordena-la convocatoria do consello, fixa-la orde do día e presidi-las súas sesións.
    2. Velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia.
    3. Propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento do CIXTEC.
  3. O presidente poderá delegar no director calquera función específica excepto aquelas que teña delegadas polo consello.

Artigo 7

  1. O director do CIXTEC será nomeado e cesado polo Consello de Dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada, nos termos previstos na lexislación.
  2. Correspóndelle ó director:
    1. Dar cumprimento ós acordos do Consello de Dirección.
    2. Propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do CIXTEC e o programa anual de actividades.
    3. Xestiona-lo CIXTEC e render contas da xestión perante o Consello de Dirección.
    4. Elabora-lo anteproxecto de orzamentos, a memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias.
    5. Elabora-la proposta de estructura e dotación de persoal do CIXTEC.
    6. Exerce-la dirección administrativa e de persoal.
    7. Coordinar, inspeccionar e controla-lo funcionamento dos servicios e das dependencias.
    8. Exerce-las funcións delegadas polo presidente ou polo Consello de Dirección.

TÍTULO III. Réxime económico e patrimonial

Artigo 8

Os recursos económicos do CIXTEC son:

  1. As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. As subvencións ou achegas voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.
  3. Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que concerte.
  4. Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Artigo 9

Para o desempeño das súas funcións adscríbenselle ó CIXTEC os bens que viña utilizando á entrada en vigor deste decreto o Centro de Proceso de Datos, dependente da Consellería de Economía e Facenda.

Esta adscrición está sometida á normativa patrimonial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 10

O réxime financeiro, contable e orzamentario do CIXTEC axustarase ás normas establecidas para as sociedades públicas autonómicas previstas no artigo 12.1º.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

TÍTULO IV. Uso dos fondos informáticos

Artigo 11

Os fondos informáticos xestionados polo CIXTEC serán de uso exclusivo da Consellería de Economía e Facenda.

Os datos, informes ou antecedentes obtidos polo CIXTEC no exercicio das funcións que desempeña como órgano de apoio á xestión tributaria terán o carácter reservado a que alude o artigo 113 da Lei xeral tributaria e, conseguintemente, non poden cederse a terceiros fóra dos supostos a que se refire a antedita disposición.

As autoridades e persoal ó servicio do CIXTEC atópanse igualmente suxeitas ó deber de sixilo que legalmente se lles impón respecto de tales informacións.

TÍTULO V. Persoal

Artigo 12

No CIXTEC prestan servicios os seguintes tipos de persoal:

  1. Contratado en réxime de dereito laboral.
  2. Funcionario da Administración da Xunta de Galicia adscrito ó CIXTEC.
  3. Laboral da Administración da Xunta de Galicia adscrito ó CIXTEC.
  4. Interino da Administración da Xunta de Galicia que ocupara un posto obxecto de transferencia ó CIXTEC.
  5. Interino amparado pola disposición transitoria 11ª da Lei da función pública de Galicia adscrito ó CIXTEC.
  6. Contratado administrativo adscrito ou integrado no CIXTEC.

Pertencer ó Consello de Dirección non xerará en ningún caso dereitos laborais.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999.

Santiago de Compostela, catro de decembro de mil novecentos noventa oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente

Jose Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda