O Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable, (CIXTEC) foi creado pola "Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio organización e xestión" (DOG Núm. 68 Xoves, 09 de abril de 1998) como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1 b) da "Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupuestario de Galicia" (DOG Núm. 200 Mércores, 14 de outubro de 1992)
A disposición adicional quinta da Lei 2/1998, establece:
"Créase o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O seu obxecto será o desenvolvemento de proxectos e aplicacións informáticas, a súa xestión, planificación, supervisión, asesoramento e coordinación, así como a subministración dos equipos necesarios para levar a cabo os procesos informáticos da Xunta de Galicia de natureza tributaria, contable, orzamentaria e económico-financeira, e, en xeral, os relacionados cos anteriores."
O inicio das actividades do CIXTEC establécense no "DECRETO 360/1998, do 4 de decembro, polo que se regula a dotación de medios persoais do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se determina o inicio da súa actividade" (DOG Núm. 246 Martes, 22 de decembro de 1998).
As funcións do CIXTEC están desenvolvidas no "DECRETO 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o estatuto do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec)" (DOG Núm. 246 Martes, 22 de decembro de 1998).